quarta-feira, 14 de dezembro de 2011

PACOCHO CORBEIRA - GALIZA


  Boto a faltar o son da túa gaita. Poño a vella casette na pletina. Non é doado. Teño que esquecer pensar que es ti. Pero non podo. A gaita está deitada, baleira, no chan frío. Non podo deixar de ver esa imaxe. Soa a música. Lembro perfectamente aquel concerto. Ti soprábaslle a orixe mesma da vida, de onde ven o alento, invadíndoo todo dese son que é espello dos ritmos nos que nós recoñecémonos. E por riba de todo unha parte de ti, que non sei definir. A guinda que puñas, ese plus, valor engadido, feeling, ou coma queiras chamalo. Como se as notas do teu pentagrama viñeran unha tras doutra, collidas da man, e nese punto, se fundiran. Como se converteras en curvas tódalas arestas. Como se modularas cada nota para arrincar da gaita un pouco máis aínda. E a gaita estaba viva. Cheiraba a irreprimible xuventude, a taberna, a campo da festa, a rúa, a esmorga e a foliada. Sinto a saudade do son da túa gaita. Pero teño que apagar esa música. Non é mais ca unha vella gravación sen matices, sen todo o demais, e tamén, sen ti. As cousas, para o teu coñecemento, non foron nunca máis iguais. Quedou o teu xeito, o teu espírito, a túa música. E iso témolo todos os que te coñecemos, os que te escoitamos, dentro de todos nós, e xa é parte de nós mesmos.

Para Carlitos Zaera (In memorian)

Sem comentários:

Enviar um comentário