quarta-feira, 14 de dezembro de 2011

ANTONIO MIRA - GALIZA

Desde que fixera a inscrición, Capa tivo medo da Universidade. Situado no centro da baleira praza circular podía ver no alto os grandes edificios das faculdades, construídos despois do embargo e posterior desaloxo da parte máis elevada da cidade. Onde antes viviran centos de familias asentaban agora mastodónticos predios e a Universidade reinaba sobre o resto da cidade, espallando a súa sombra como un faro de escuridade sobre o pobo. Todo nela era doentemente solemne e lonxano: as proporcións, a pedra, a rotunda torre e as escadas. Sobre todo as escadas, que chamaban de monumentais e separaban cidade e Universidade por 125 eternos degraus. Toda esa desmesura aterrorizara a Capa desde o primeiro momento que entrou na cidade e se confrontou coa súa dona e señora.

No primeiro día como estudante ficou ollando de lonxe para os monstruosos predios e tomou a decisión de retrasar a subida até perder o medo. Pasaran xa noventa e catro días. Medio semestre durante o que Capa atravesara a cidade diariamente sen querer erguer os ollos do chao, sentindo como a torre da Universidade exercía contra o seu pescozo unha forza sobrehumana e maligna. A simple idea de achegarse a ela provocaba en Capa arrepíos.

Os outros estudantes tamén causaban medo a Capa. Ataviados con fatos sombríos e desfasados, apestando a alcol e suor agre, arrastrábanse aos berros por toda a cidade. O seu ponto de reunión era, claro, a Universidade. Alí deixaban de estar mesturados coas persoas normais e mandaban sen contestación. Cando o vento sopraba desde o alto da cidade, arrastraba con el os cánticos obscenos, os brados e as ordes aos máis novos, tratados por debaixo de animais. Capa sabía que, de subir aquelas escadas, sería ese o seu destino: ser bicho, un diminuto insecto rodeado por milleiros de corvos negros ebrios de poder. Algunha noite acordaba dos pesadelos e descubría que os seus gritos se mesturaban coas badaladas da maldita torre, crueis como gargallada de miúdo.

Capa pasaba os días na biblioteca municipal. Tradicionalmente libre de universitarios, so algún pensionista pasaba por alí. O ambiente era familiar e as bibliotecarias atendían con amabilidade e incluso, xa coa confianza suficiente, guiaban as leituras de Capa. Só nunha ocasión entrou un deles, perguntando aos gritos por un bar. Capa, aconchegado na súa mesa do fundo por tras un libro, sentiu como o seu medo inicial mudaba en covarde satisfacción ao comprobar como a bibliotecaria expulsaba ao barullento.

Mais esa estadía gozosa na biblioteca pública non podía durar moito, e Capa viuse na obriga de procurar bibliografía específica. Tentou primeiro pedir os libros desde a municipal, sen éxito. Perguntou e despois suplicou. Ofreceu diñeiro. A bibliotecaria aconsellou a Capa buscar na Biblioteca Xeral da Universidade e, caso non encontrase os libros, na Faculdade de Letras.

Capa meditou longamente sobre o asunto. Procurou noutras bibliotecas, mesmo noutras cidades, mais os libros só estaban na Universidade. Pensou en aprender francés para desprazarse a París e consultar os orixinais, pero era demasiado para a súa economía e a familia de Capa nunca iría emprestar o diñeiro. Tras moitos planos, cedeu á evidencia. Se fose rápido podería resolver todo nunhas horas e estar de volta na biblioteca municipal, na súa querida sala de leitura, no mesmo día.

Finalmente, nunha cincenta mañá de febreiro, situado no medio da praza circular, Capa xuntou valor para erguer os ollos. Nese preciso momento a torre, da súa ergueita posición, atirou once badaladas como once desafíos. Media hora despois, Capa avanzaba o pé esquerdo no seu primeiro paso cara a Biblioteca Xeral.

Capa lera nas guías que as escadas monumentais levaban até o alto da cidade e aló as diferentes faculdades formaban un corredor que remataba entre os edificios de Dereito, Letras e Biblioteca Xeral. Capa tería que internarse no máis profundo do cubil universitario para procurar o seu libro. E nunca podería ter imaxinado o terror que agardaba por el.

Sem comentários:

Enviar um comentário