domingo, 27 de novembro de 2011

RHO DOURADO MCLEOD - GALIZA

Beyond the lochs of the blood of children of men...
Hoxe fiquei soa coas pantasmas que atormentan o meu clan. Subo ao meu Cuillin particular e observo. Aínda o eco devolve golpes mortais da Coire Na Creich. Sinto a presenza dos cervos e doume conta que Bruach tamén fita abraiada para a mesma peza teatral.

Aló abaixo, onde o ceo ten sempre a mesma cor, encóntrase o inmenso formigueiro de tixolo que cobre o val da miña estirpe derrotada. Os meus ollos penetran o ventre perpetuo e castigado cun parto infinito de exércitos escuros. Formigas autómatas que gravitan nunha danza medida polo compás das máquinas e a tonalidade das cores: vermello silencio, laranxa allegro, verde adagio... o claxón imposíbel marca entre bambalinas o cambio de escenario. Tempo inmediato, movementos prestos que deixan a súa pegada na oronimia da pedra, o ferro e o alcatrán. Nada perdura para sempre, evoluciona e reconvértese nun novo leitmotiv para furtivos noctámbulos de dedo áxil e catro rodas. Aquí e acolá, xermolan intentos de rebabiloniciacións imposíbeis fronte a Persépolis emerxentes, parches seléucidas de conveniencia. O inmediato como eixo vertebrador.

Desde as montañas dos deuses negros escoito ese esperanto moderno, a onomatopea mecánica do val de outeiros grises e árbores de ferro. Miro ao meu redor, comprendo e escribo, no penedo sagrado, as palabras que nos farán libres. Coa esperanza de que quizais, algún día, unha delas erga a cabeza e descubra que non sempre foron formigas.
E, nese preciso momento, Sorley susurra no meu ouvido: watchful, heroic, the Cuillin is seen rising on the other side of sorrow.

Rho Dourado, Ribadeo. Novembro de 2011.

Sem comentários:

Enviar um comentário