MARC DARKIN - GALIZA
FINALMENTE
Unha sensación nunca esquecida apoderouse del cando albiscou desde a
cabina a silueta familiar do pequeno planeturbe. Malia tanto tempo de
ausencia, non se apagaran os ecos dunha saudade fraguada en mundos
incriblemente distantes. A tristeza que apreixara o corazón, responsable
dunha marcha necesaria para a propia integridade, xa non o alagaba como
antano. Así un día soubo que por fin viñera o momento do retorno.
Aínda arrastraba no seu interior un pouso de desacougo inevitable, mais
agora semellaba esvaecerse coa vista das vellas torres de Iagostela,
identificables mesmo para moitos que nunca antes se achegaran a tan
remoto confín daquel espacio.
Cantas veces pensara na volta,
nas rúas estreitas do querido planeturbe, naquela tranquilidade case
ingrávida que se rompeu para el un día malfadado, escoitando aquel
antiquísimo cantar que falaba das cidades como libros que se len cos
pés. Os seus pronto relerían nidiamente as liñas que a súa memoria
fixera algo borrosas.
Sentiu o seu ánimo quecer coa proximidade
do lugar onde viñera á vida. Onde seguramente ía rematala. Agora xa non
o agardaba ninguén. Ou si? Lembrou...
Sem comentários:
Enviar um comentário