quarta-feira, 1 de agosto de 2012

OLGA RODRIGUEZ ALONSO - GALIZA

 FOI O GATO

Herminia ten un gato, uns pais anciáns e unha radio na casa. O gato, co fociño, conecta a radio; o volume da radio está estragado e os pais non entenden nin a radio nin gato.                             
  Un domingo pola mañá, Herminia, como cada día,  saíu moi cedo da casa. As 8:30 o gato conectou a radio e marchou disparado, pois o volume estaba a todo gas. Os pais chimparon da cama pensando que estaban tendo un pesadelo a dúo, ou que lles tiña entrado un tolo na casa;  non sabían que facerlle o aparello, e desesperados berraban un co outro, e os dous  co gato. A música escoitábase en todo o edificio e na rúa tamén; os veciños pensaban: ¡a qué roqueiros madrugadores lles terá prestado Herminia a súa casa!
 Un veciño, moi preparado para votarlles un bo sermón a esta xuventude desconsiderada de hoxe en día, peta na porta. A nai de Herminia  abre a porta e o veciño topase con unha anciá de uns 80 anos e un metro cincuenta centímetros, toda suada e en camisón; detrás dela seu home, un chisco mais alto, co seu pixama de riscas e a súa cara de bonachón (porque era un pouco xordo, senón estaría desesperado coma súa dona).

O veciño, desconcertado ante tal escena, baixou moito, pero moito moito o ton do seu discurso (de feito o que levaba preparado non lle servía para nada, porque mesmo que foran roqueiros...¡xa se lles tiña pasado a xuventude había mais de medio século!). Díxolles moi suavemente: “Sres., estas non son horas para ter a música tan alta”, ó que a anciá, que xa estaba un pouco alporizada, respondeu: ” ¿Vd. pensa que eu estou ´maluca`?, eu non fun, foi o gato!”. O home que estaba na porta, cambiou varias veces de cor, mentres pensaba se debía chamar a policía ou os ´loqueros`.

Neste medio tempo,  tamén saltaron da cama o resto dos veciños: alguén, efectivamente, chamou a policía e outros achegáronse a ver que sucedía no 4º andar:

Uns dicían: “E parecían tan boas persoas”
Outros aseguraban: “¡Tolearon, xa son moi vellos............ela dixo que foi o gato!”
Algúns desculpábannos: “Se ao menos lles gustara a música clásica”

Entre tanto corrupío que se armou, case non se dan conta que o que había que facer era acabar ca barulleira, e foi entón que o mais razoable de todos, antes que preguntarlle o gato como se baixa o volume, decidiu que o mellor era ´arrancar` o enchufe da parede!

Cando se achegou a policía, xa había calma de novo no barrio, pero claro, houbo que tomarlle declaración os pais da Herminia, os veciños,........... e o gato!

Os pais, xa estaban moi  cansos de dar tantas explicacións, e de que cada vez que mencionaban o gato no lugar de axudar, aínda se complicaba mais o asunto. Dos corenta veciños do edificio, cada un deu unha versión distinta do suceso. Os gardas non chegaron a saber quen estaba mais tolo: se o gato, os anciáns ou todos os veciños xuntos. O gato, seguiu facendo das súas e anos mais tarde tirouse polo balcón.................tranquilos......... non lle pasou nada........solo quedou un pouco coxo!